Bases do concurso “Operación Can”

1ª - Os concursantes admitidos serán rapaces matriculados nalgún centro educativo galego entre primeiro de primaria e cuarto da ESO. A participación poderase realizar de modo individual ou colectivo (un grupo de alumnos, unha clase ou incluso un colexio). No caso de participar en grupo todos os membros do grupo deben cumprir a condición anterior.

2ª - Para poderen concursar deben presentar unha cancion que cumpra os seguintes requisitos:

  1. A letra e a música deben ser orixinais, non se admitirán versións ou adaptacións de temas xa existentes.
  2. A letra debe tratar sobre a proteción dos animais e prantas ou a preservación do medio ambiente.
  3. A letra debe ser en galego.
  4. A duración non debe ser superior a 3 minutos.

3ª - Os concursantes deben enviar unha gravación da canción en formato mp3 a cancions@operacioncan.com. O arquivo mp3 non debe pesar máis de 8 megas.

4ª - Poderán presentarse gravacións até o 1 de Maio do 2007.

5ª - De entre as gravacións que cumpran os requisitos anteriormente mencionados serán escollidos 15 temas que serán editados no CD. A selección farase por votación popular e a través dun xurado. Os rapaces de primaria e secundaria de centros galegos poderán votar a través da páxina web www.operacioncan.com e seleccionarán o 50 % dos temas incluidos no CD. O xurado será nomeado por PAI-Música e UPAFGA e seleccionará o outro 50 % dos temas incluidos no CD. Ademáis, o xurado revisará a votación popular e terá dereito a non incluir no CD os temas que considere inapropiados. Asimesmo realizarase a selección dos 6 mellores temas para a realización dos videoclips correspondentes. O método de selección será o mesmo que o das cancións a incluir no CD.

6ª - Unha vez feita a selección publicarase na web operacioncan.com e contactarase cos concursantes seleccionados para fixar as datas de gravación dos temas.

7ª - Tamén se establecerá un concurso para escoller a portada de Operación Can. Os concursantes que se presenten deben cumplir os requisitos da 1ª base. O prazo de presentación de traballos para as portadas será o indicado na 4ª base e o xurado que escolla a portada será o mesmo que realice a selección de temas para incluir no CD.

8ª -  A participación neste concurso implica a aceptación total destas bases.